Berrobamban A compañía compostelá Berrobambán Teatro comezou a súa traxectoria en 1995, converténdose en grupo profesional no ano 2000. Trátase da formación galega con maior experiencia no ámbito de teatro infantil de actores, dentro do que teñen levado a escena media ducia de espectáculos: ademais de Diariamente, Buh!, Dous contos sen final e un final por fin, Movementos para trasnos e trastes e Historia dun soldado. Paralelamente, Berrobambán desenvolve unha liña pensada para o público adulto, na que se inscriben as súas producións Vendetta e NdC.

Ten traballado, así mesmo, con diferentes editoriais e concellos galegos en campañas de animación á lectura dirixidas aos cativos, para as que creou as montaxes Historia dun libro e Un conto que nin pintado, e puxo en marcha a primeira programación estable de teatro familiar en Galicia que, baixo o nome de Asteroide 612, se desenvolveu nas cidades de Santiago e Ferrol entre os anos 98-03.

Foi, ademais, a compañía seleccionada para representar a España no XIV Congreso da ASSITEG (Asociación Internacional de Teatro para a Infancia e a Xuventude), que se celebrou en Seúl en xullo de 2002. Tamén ten representado os seus espectáculos en numerosos festivais celebrados en diferentes puntos de Galicia, así como en Portugal e Canadá, entre outros países.