Pablo Reboleiro é Pablo Trasno (clown, acróbata e malabarista).

Trasno é un personaxe con xa 5 anos de experiencia e madurez nas distintas rúas e prazas do mundo. Xurdiu como unha proposta para café-teatro pero axiña se desenvolveu para conquerir espazos máis grandes. Creado en Galicia por Pablo Reboleiro, no ano 2001, non tivo moito tempo para verse por estas terras xa que emigrou con el para Londres nese mesmo ano. Alí estudiou na Escola de Circo “The Circus Space”, onde estivo a vivir catro anos. Alí desenvolveuse co seu creador participando en diversos festivais de teatro de rúa e circo. Volveu fielmente para Galicia cada verán, onde traballou en festivais como DeGorra! en Compostela (2004, 2005), Repercusion (2004, 2005) ou o festival de teatro de rúa da Estrada (2002, 2004). Outras actuacións salientables poden ser: Festival Bambalinas en Buenos Aires, Arxentina (2004), Anjos do Picadeiro no Río de Janeiro (2004), Luknow, India (2003) e Beslan Rusia (2005).

Poderiamos clasificar Trasno coma un espectáculo por un lado de humor e carallada co que a xente se identifica e participa (xa sexa activamente ou só coa súa voz), un espectáculo por e para o público con situacións hilarantes, outras que tocan o corazón e outras que aí pinchan un pouquiño xa que falan de nós mesmos e das nosas manías e defectos. Por outro lado é un espectáculo sorprendente con ese espírito circense do “máis difícil todavía” que deixa abertas as bocas de boa parte do público. Os nenos soñan co que serán de maiores e os maiores recordan o que soñaban cando eran nenos. En definitiva, un espectáculo plural e multidisciplinar para toda a familia. Música, circo, teatro, baile e danza para o desfrute de tod@s.