Mofa e Befa - Sempre ao Lonxe (Venres 7. Teatro Rosalía de Castro. 21:00h)
Unha das compañías de máis nome do panorama galego, creadora do chamado "humor perralleiro", presenta o seu novo e tan agardado espectáculo étnico-musical.
Atendendo o emotivo chamado do presidente Zapatero de cara a xuntar esforzos para acadar unha alianza de civilizacións, Mofa e Befa resolveron facer unha significativa aportación a tan digna empresa, botando man do seu talento e creando, unha vez máis, unha obra de carácter didáctico que vai espallar por todo o planeta esta idea tan bonita do noso presidente estatal.
Xa levamos recibidos centos de telegramas de agradecemento por ter tomado esta iniciativa. Cabe destacar o apoio incondicional mostrado cara este espectáculo por persoeiros da importancia de Alfredo Rubalcaba, Esperanza Aguirre, Rodrigo Rato, José Saramago, Kofi Annan, Manu Chao, Karina Fallagan e outros que por seren menos importantes non citamos.
Nesta magna peza documental o espectador poderán ver de preto representantes das etnias máis estrafalarias; Romenos da Arousa, Moinantes Sicilianos e Flamencos Abertzales. Unha amalgama única que pasa por diante mesmo da romaría internacional, no que a cousas raras se refire.
De forte contido músical, esta obra pretende ser o cerne dun espectáculo operístico que produciremos no futuro, se é que apañamos unha subvención a xeito. Os xéneros van do rock á tarantela pasando pola rumba vasca e máis pola repichoca palermitana. Un amplo abano que, se ben non dá para flipar polas pernas, polo menos dá para despistar ao respetable e agochar as eivas dos executantes.
É o noso desexo que os espectadores saian da sala sentíndose máis próximos aos seus semellantes doutras terras e sentíndose tamén un pouco máis intelixentes. Ou cando menos, máis intelixentes ca nós.
Reparto: Evaristo Calvo, Victor Mosqueira, Piti Sanz
Podedes acceder ás taquillas de todas as actuacións do festival no seguinte enlace: Taquillas Caixa Galicia en "La Voz de Galicia"

